Friday 19 de April de 2024

O Concello de Moeche aposta por unha depuradora biolóxica para substituír a antiga foxa séptica de San Ramón


Xunta de Goberno Local do Concello de Moeche celebrada o pasado 19 de agosto acordou a adxudicación provisional das obras de reparación do antigo depósito de augas fecais de San Ramón que, máis que un arranxo, suporá a implantación dun novo modelo de tratamento máis sostible desde o punto de vista ambiental. E é que a leira onde se encontra a foxa séptica vai reconverterse nunha minidepuradora biolóxica que limpe a auga e outros materiais en suspensión por medio da acción conxunta de microorganismos e do efecto filtrante das plantas. No proxecto investiranse 35.582,11 euros -IVE incluído- que o Concello tiña previsto sufragar con fondos propios pero que, finalmente, contarán cunha achega superior aos 32.000 de Augas de Galicia.

O desenvolvemento de todo o proxecto presenta o desafío técnico de ter que executarse sen interromper en ningún momento o funcionamento do sistema de recollida actual, consistente nun depósito de decantación que leva décadas funcionando nunha leira illada de San Ramón. Por ese motivo, e para evitar verteduras accidentais, a derivación do colector xeral do saneamento desde o vello depósito -que será derruído- cara ás novas instalacións non se fará até o último intre, cando a obra estea practicamente rematada.

A actuación consistirá na construción dun sistema hidráulico que funcione por gravedade recollendo as augas do saneamento da zona urbana que, en primeiro lugar, pasarán por unha arqueta de desbaste que deteña a materia sólida non biodegradable que poida ir parar aos desaugadoiros domésticos (toalliñas, plásticos, etc.). Desde alí as augas residuais entrarán nun novo depósito de decantación dotado de tres cámaras e un filtro especial pensado para favorecer a acción de microorganismos.

Nun segundo estadio, o líquido fluirá pola diferenza de nivel cara a unha balsa de fitodepuración impermeable dotada dun sustrato de grava sobre o que haberá distintas especies vexetais macrófitas -xuncos e outras plantas adaptadas a terreos encharcados-, capaces de facer un novo filtrado natural absorbendo partículas e nutrientes mediante a fotosíntese.

A última parte deste proceso que non require sequera abastecemento eléctrico nin desprende cheiros é a saída dos efluentes cara a un pozo de rexistro e a súa posterior vertedura que, segundo se avanza no proxecto técnico, “non suporá ningún risco para a saúde dos veciños ou da fauna e flora naturais do entorno e cumprirán coas Directivas da UE, normativa nacional (RD 606/2003, entre outros) e normativa autonómica”. Aínda así, a depuradora biolóxica disporá dun punto de toma de mostras para facer analíticas regulares.

Cofinanzamento de Augas de Galicia

O Concello adxudicoulle o contrato menor da obra á construtora José No Mantián e Hijos S.A., por un prezo final de 29.406,70 euros máis 6.175,41 euros correspondentes ao IVE. A empresa ten un prazo máximo de 3 meses para levar a cabo o proxecto, o primeiro deste tipo que se porá en marcha en Moeche.

O Goberno local incluíu a actuación dentro do plan de investimentos sufragados cos remanentes cos que pechou o exercicio de 2020. Porén, recentemente, Augas de Galicia confirmou unha achega lixeiramente superior aos 32.000 euros, de modo que o Concello só deberá poñer os algo máis de 3.000 euros de diferenza.